top of page

A historia do viño galego garda uns vínculos extraordinarios co desenvolvemento de Europa, unha trama singular que analiza o detallado estudo histórico “A marabillosa historia do viño en Galicia”, do xornalista Luis Congil. Desde a afección da Casa Real británica polos caldos do territorio das Rías Baixas -aspecto pouco divulgado ata hoxe-,  ata a presenza de viños galegos na América recén descuberta, pasando pola importancia dos fretes dos barcos de peregrinos para distribuír o viño por toda Europa, a historia do viño en Galicia é, en certa medida, a historia do vello continente.

“O viño galego vive unha segunda idade de ouro”, afirma o autor, “que repite hoxe en día -como amosan os numerosos premios recibidos e as cifras de exportación-  o éxito global do viño galego na Idade Media, cando fluía por todas as arterias comerciais da `Marisma de Castela´, desde os portos galegos e cantábricos ata Inglaterra, Holanda, Italia e toda Centroeuropa”.

“A historia do viño galego é unha ferramenta para xerar valor engadido no sector”, afirma o autor, “que ademais nos serve para aprender mirando ao pasado os erros que non se deben repetir: os que remataron con aquela primeira idade de ouro”.  Estes perigos a evitar serían perder de vista os movementos internacionais, así como deixar de vixiar aos mercados e ás tendencias, mentres que unha lección a aprender sería o enorme potencial dos propios valores diferenciais, “como é hoxe a riqueza das nosas variedades tradicionais, recoñecidas e admiradas en todo o mundo”.

 

Casa Real británica e o duque de Bristol

 

Un dos exemplos máis significativos da penetración dos viños galegos en Europa é a que protagonizaron a Casa Real británica e o I conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, no que o libro cualifica como unha verdadeira “diplomacia do viño”.

Segundo documentos que custodia a Biblioteca Nacional Española, que xa foran estudiados en 1974 polo diplomático Luis Tobío e que agora reproduce “A marabillosa historia do viño en Galicia”, a corte do rei inglés Xacobe I tiña aos viños do actual territorio das Rías Baixas entre os seus favoritos, grazas as frecuentes remesas que transportaba o embaixador español, o conde de Gondomar.

En varias ocasións, Diego Sarmiento de acuña fretou flotas enteiras cargadas de viño das súas posesións no Val Miñor e doutras zonas da actual provincia de Pontevedra (Salvaterra e Soutomaior) ademais de con viños do Ribeiro, e recoñeceu na súa correspondencia que usaba os seus salvocondutos diplomáticos para introducir en Inglaterra “ata 30 toneis ao ano”.

Cos caldos galegos, o conde de Gondomar articulou unha verdadeira “diplomacia do viño”, destinada a incrementar a súa influencia sobre o monarca inglés e frear o poder de sir Thomas Raleigh (introdutor, pola súa banda, da pataca e do tabaco de América). E gañou a batalla: o outrora favorito da raíña Isabel I rematou executado.

 Pero non foi o único persoeiro histórico en desfrutar dos viños que Gondomar regalaba profusamente na corte británica (os máis finos, posiblemente tostados do Ribeiro) “en cubetas de prata dourada” -segundo escribe o propio Diego Sarmiento de Acuña nunha misiva-. O Chanceller Maior do Reino, man dereita de Xacobe I e pai do método científico moderno, sir Francis Bacon, tamén foi obxecto dos regalos do conde de Gondomar en xeito de viño galego, e de feito, mantivo con el unha grande amizade.

Francis Bacon correspondeulle a esa amizade forxada a base de viño galego regalándolle un exemplar do Atlas de Saxton de 1579, a primeira representación moderna de Inglaterra, unha verdadeira xoia cartográfica. É moi probable que estes viños, especialmente os tostados, foran consumidos polo rei e por Francis Bacon a culleradas, excentricidade que se estendera pola corte inglesa nesa época.

Esta e moitas outras historias sorprendentes sobre a historia galega, narrada a través dos seus viños, son o obxecto de “A marabillosa historia do viño en Galicia”, un libro en gran formato a toda cor, con máis de 200 ilustracións e reproducións de documentos e fotografías inéditas.

 

bottom of page